Aquí tendes as fotos de plastilina caseira que me enviáchedes! Espero que o pasárades pipa facendo a vosa propia plasti e creando vida con ela!!
martes, 31 de marzo de 2020
"El tiempo futuro"
E, para rematar o día, imos dar un paseo por Vigo desde o alto e chea de vida, como vai volver estar dentro de moi pouco.
Déixovos este vídeo. É da canción "El tiempo futuro" de Eladio y los seres queridos.
Como di a canción: "Aquí solo llueve y bajo la lluvia crecemos más fuertes"
Un día máis é un día menos! Moito ánimo a todos e todas! Xuntos conseguirémolo!
Que levas nos petos?
Se pinchades enriba do reto veredes un conto que xa vos contei na clase: "Os petos de Loreto".
O reto consiste en que cada un se constrúa un "abrigo" con moitos petos. En cada peto temos que meter unha cousa e escribir por fóra o que leva ese peto. Déixovos unha imaxe de exemplo pero... Non vale copiar!! Deixade á vosa imaxinación voar!!
Lectura recomendada para 2ºC
Axudádesme a buscar a Leotolda? Este conto, aínda que o recomendo para 2º (polo tipo de letra) tamén podedes lerllo aos nenos e nenas de 1º. É moi divertido e ten unha sorpresa final que me podedes mandar ao meu correo se vos apetece! Boa lectura!
Lectura recomendada para 1ºC
Por se queredes ler, sós ou en compañía, déixovos aquí este conto de Olivia que é moi divertido e está en letra cursiva (da que estades empezando a ler). Se queredes, ao rematar de ler o conto podedes enviarme un debuxo ou contarme qué vos pareceu. Boa lectura!
luns, 30 de marzo de 2020
Benvidos a Pankdemia!
Mirade este divertido espectáculo que preparou o noso amigo Peter Punk para facer máis levadeiros estes días de estar metidos na casiña! Espero que vos guste tanto como a min!
A mover o esqueleto!
Comezamos a semana bailando un pouco? Na miña casa facemos un baile destes cada mañá para activar o corpo! Animádesvos?
domingo, 29 de marzo de 2020
venres, 27 de marzo de 2020
Sorpresa en forma de conto
Hoxe serei eu, cun pouco de axudiña, a que vos conte este conto... Espero que vos guste!
Boa fin de semana a todos e todas!!
E recordade... Un día máis é un día menos!
PLASTILINA CASEIRA
Déixovos un reto de plástica para a fin de semana! A ver se sodes capaces de facela e de crear minimundos con ela!
Tendes a receita normal e outra para celíacos.
Mans á obra!
Un conto de flores
Bo día! Xa queda un día menos para vernos de novo...
Pinchade no xardín para vivir unha pequena-gran marabilla!
xoves, 26 de marzo de 2020
Finais de conto
Cos vosos finais viaxei a un montón de lugares sen moverme da casa! Que gusto! Pinchade na imaxe e podedes ver os finais dos vosos e das vosas compis.
Poemas no tendal
Acabo de ir tender a roupa e, cando a saquei da lavadora... Estaba chea de versos!!
O reto de hoxe consiste niso, collede papel (periódico, cartolina, folio...), diseñade unha prenda de roupa e enchela de poesía. Todo é mellor con poesía!!
Foto dunha chaqueta no meu tendal:
mércores, 25 de marzo de 2020
Vouvos contar unha pequena historia... Pinchade na imaxe para escoitala. Despois, inventade un final. Usade toda a vosa imaxinación!! Podedes mandarme ese final debuxado, escrito, nun audio ou poñelo en comentarios. Se preferides, podedes crealo e guardalo para vós, sen compartir... Como prefirades!!
A viaxar sen movernos de casa!
Todos somos capitáns!
Bo día!
Recordades as nosas conversas en forma de tea de araña?
Nestes tempos no que o dito "a unión fai a forza" cobra aínda máis sentido, imos empezar con algo de música. Recordade! Todos e todas estamos nisto e XUNTOS imos conseguir vencer a ese bechiño!
Pinchade na nosa tea de araña!
martes, 24 de marzo de 2020
As nosas palabras
Pinchade na imaxe... Así veredes as mensaxes e palabras que fixestes! Vaia creatividade! Con todo tipo de cousas... Mañá máis retos e máis propostas!!
Boas noites desde a miña ventá!!
Contos en pixama
Aquí tendes un contiño para hoxe! Espero que vos guste tanto como a min, porque este é un dos meus contos preferidos!
Alguén perdeu hoxe un pingüín?
Alguén perdeu hoxe un pingüín?
Preparados e preparadas para o reto Nº2? Pois imos alá! Consiste en escribir o que se vos ocorra (unha letra, un nome, unha mensaxe...) con materiais que se poidan mover, vale case calquera cousa que teñades pola casa... Usade a imaxinación e poñede os dedos a funcionar!!
Déixovos a miña mensaxe para que vos inspiredes! Se queredes, podedes mandarme as fotos ao meu correo e a última hora do día prometo sorpresa!
luns, 23 de marzo de 2020
Globos de adiviñas
Picade na imaxe e... Sorpresa!
Pero... Estades feitos uns escritores e escritoras de adiviñas de primeira! Fixen unha recopilación das que me chegaron, aquí as deixo en forma de globos, se me mandades algunha máis, prometo engadilas!
Por certo, a miña era... O cole! (tamén podería ser a calle, como dixo unha mamá, pero eu escribín pensando no cole)
Por certo, a miña era... O cole! (tamén podería ser a calle, como dixo unha mamá, pero eu escribín pensando no cole)
Mañá prometo novo reto!!
Un bico moi forte e a soñar cousas bonitas!
Contiño
Para rematar a mañá, mándovos un contiño moi ben contado... "O poliño da abeleira"
http://www.kalandraka.tv/gl/seccion4.php
Espero que vos guste!
RETO Nº1
Hoxe propóñovos un reto: inventar unha adiviña!
Vou escribir aquí a miña adiviña inventada... A ver se sodes capaces de adiviñala!
Logo, intentade inventar unha e podedes mandarma: polos comentarios no blog ou por correo electrónico. En canto teñamos todas imos intentando adiviñalas...
Aí vai a miña:
Lugar de risas e alegrías,
ao que imos todos os días.
Xogar, bailar, pintar e aprender,
son as cousas que podes facer.
En pouquiño tempo,
todos e todas imos volver!
Un saúdo peques!
Xa temos aquí a primavera!
UN XARDÍN NA VENTÁ
Estes días, aproveitando que xa temos aquí a primavera, estivemos deseñando o noso propio xardín, xa que vivimos nun piso e non vemos moita natureza pola ventá.
Así que, como idea, xa sabedes, pensade nun bonito xardín... E a crealo!
Se vos apetece, podedes sacarlle unha foto para enviarme cando estea o xardín listo.
domingo, 22 de marzo de 2020
Queda na casa
Ola nenos e nenas!
Como xa saberedes a estas alturas, temos unha misión! Axudar a loitar contra eses bechiños chamados Coronavirus. O mellor que podemos facer e quedar na casa, así que #euquedonacasa. Estou segura de que todos e todas xuntos conseguirémolo moi pronto!
Creei este blog para axudarvos a pasar este tempo na casa. Aquí irei poñendo ideas que se me ocorren para estar en contacto con vós e para ir facendo xuntos...
Se queredes contarme cousas ou mandarme o que se vos ocorra podedes facelo no meu correo ou nos comentarios do blog.
Bótovos infinito de menos pero, estou segura, de que en pouco tempo estaremos outra vez todos xuntos!
Se queredes contarme cousas ou mandarme o que se vos ocorra podedes facelo no meu correo ou nos comentarios do blog.
Bótovos infinito de menos pero, estou segura, de que en pouco tempo estaremos outra vez todos xuntos!
venres, 20 de marzo de 2020
Lectura recomendada (1º C)
Déixovos este conto de Olivia para animarvos a ler un pouco, podedes compartir a lectura con algún maior que haxa pola casa ou ler vós soíños, como queirades... É moi divertida!
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)